O que é o Software Ceibe?

Imaxe de GLUG
Enviado por GLUG en 20 Setembro, 2005 - 12:00.

Definición

"Software Ceibe", ou tamén "Software Libre" (do inglés, Free Software, oposto ó "Software Privativo", Privative Software) refírese no seu aspecto mais xeral a aqueles programas nos que o usuario goza das seguintes liberdades:

  1. Liberdade pra usar o programa, independentemente do propósito e a persoa.
  2. Liberdade pra estudar como funciona e modificar o programa, de xeito que o poidas adaptar ás túas necesidades.
  3. Liberdade pra redistribuílo, de xeito que poidas axudar ós teus amigos.
  4. Liberdade pra melloralo e facer públicas as melloras, de xeito que toda a comunidade se beneficie.

Estas liberdades concrétanse en licenzas de uso, que o usuario acepta cando usa o programa (de xeito análogo ás "licenzas de usuario final" do Software Privativo). Existen moitas licenzas, pero a mais usada e coñecida posiblemente sexa a GNU GPL.

Copyleft

As licenzas do Software Ceibe, normalmente, incorporan un termo chamado copyleft. O Copyleft (nalgúns sitios traducido como "copiceibe") significa a inversión do copyright: o uso por parte do autor dos seus dereitos para libera-la obra (programa, texto ou o que sexa) baixo os termos da licenza, e a esixencia de que calquera modificazón ou traballo derivado da mesma utilice tamén esa licenza.

Deste xeito, o copyleft garante que ninguén poida -- legalmente alomenos -- convertirse en posuidor dunha obra liberada, impedíndolle ós demais algunhas ou todas das liberdades que o Software Ceibe ten. O copyleft tamén garante que as obras derivadas usarán esa mesma licenza, e dese xeito contribúe a que a filosofía da Cultura Ceibe se estenda.

As comunidades de usuarios

Notarías que na redacción das catro liberdades se fai especial fincapé en ideas como «modificalo pra que se adapte ás túas necesidades», «redistribuílo pra poder axudar ós teus amigos» ou «liberar versións melloradas pra que toda a comunidade se beneficie».

Isto é porque o Software Ceibe ten un caráctar eminentemente social. O seu propósito é -- como debería de ser o de toda creazón -- facer mais agradable e sinxela a vida das persoas. Á‰ por isto que os grupos de traballo e desenvolvemento de Software Ceibe, moitas veces, son auto-organizados. Existe unha realimentación contínua entre desenvolvedores e usuarios, e unha interacción entre os dous grupos que, moitas veces, dilúe a separación.

O Software Ceibe dá lugar a comunidades activas de xente que se axuda mutuamente. Esta páxina que estás a ver, por exemplo, é unha delas. Outras comunidades galegas están listadas na páxina da LiGa. Comunidades de todo o mundo son doadas de atopar buscando pola rede.

Nos últimos tempos, o conceito do Software Ceibe estendeuse a outras áreas da creazón, dando lugar a un panorama amplo que se deu en chamar Cultura Ceibe. Como é evidente que o Software Ceibe representa unha saída ó problema da piratería (asumila, negala facendo os programas libremente accesibles, cambiar o modelo de negocio cara algo non pirateable), sectores da música, do audiovisual e da literatura están a experimentar con modelos semellantes. Algúns ven a solución á crise da propiedade intelectual por este camiño, e outros sinxelamente cren que a cultura, en xeral, debería de ser ceibe e non estar encadeada. Iniciativas como a Creative Commons adícanse a promover estes modelos.

O Software Ceibe e as empresas

O Software Ceibe é unha cuestión de liberdade, non de prezo. Se ben é certo que a liberdade 2 indicada na definición permite obtelo de balde, tamén se pode vender -- e véndese -- e é posible vivir del. Hai numerosas empresas en todo o mundo que se adican exclusivamente ó mantemento, desenvolvemento e distribuzón de Software Ceibe.

A diferenza está no modelo de negocio. A empresa de software tradicional obten os seus ingresos maiormente das licenzas de uso, que venden. Como o software ceibe non require destas licenzas -- o uso é libre para todo o mundo --, as empresas ceibes obteñen os seus beneficios dos terceiros servizos relaccionados: manuais, soporte técnico, soluzóns personalizadas, asesoría, emisión ce certificados, educación...

Calquera cos coñecementos axeitados pode montar unha empresa baseada no Software Ceibe. Non é preciso autorizazón dos titulares dos programas ou de outras empresas do ramo. Non é preciso facer unha inversión inicial en licenzas. Isto fai que o Software Ceibe sexa unha estupenda oportunidade para negocios nacentes.

O Software Ceibe e a sua importancia tecnolóxica, política e social

O Software Ceibe representa a posiblididade mais viable -- se non a única -- que teñen moitos países de salva-la fenda dixital.

Polo seu reducido custo en licenzas, é posible implementalo masivamente en organismos, asociacións, entidades e sectores sociais onde limitazóns de presuposto farían esta tarefa imposible co modelo privativo.

Porque pode ser modificado, permite que as língoas minorizadas poidan adicar esforzos a tarefas de traduczón, e dese xeito contaren cunha infraestructura informática de seu, na súa língoa.

Porque pode ser estudado, é garante de que fai o que dí facer, e que non incorpora malware que poida ser explotado. Tamén por este motivo, en canto aparece unha vulnerabilidade ou erro é posible correxilo de inmediato, sen ter que agardar a que terceiros liberen un parche, e así mellora a seguridade (os sistemas operativos ceibes non sofren, na práctica, de virus ou malware).

Porque non representa unha inversión inicial, é posible pra novos empresarios equipar os seus proxectos con él. Tamén porque non é precisa a autorización dos detentores do copyright pra ofrecer terceiros servizos, é posible montar empresas locais de soporte, asesoría e desenvolvemento cun custo inicial mínimo.

Cando se usa Software Ceibe e é preciso pagar a alguén pra que faga modificacións nel, ou o configure, ou o manteña, ou calquera outro traballo; normalmente se recorre a unha empresa local. Isto significa que o Software Ceibe xera riqueza no proprio país de uso, e non representa unha fuga de capital cara o estranxeiro.

Tamén nesa situazón, os coñecementos e a tecnoloxía xerados reverten local e globalmente. Os administradores, programadores e mantedores de Software Ceibe non traballan con caixas negras, senón que son posuidores potenciais de toda a tecnoloxía e coñecementos que están detrás dos programas que usan.

En resumidas contas: unha sociedade que usa o Software Ceibe é independente fronte a entes alleos a ela, nos planos tecnolóxico e económico; xera riqueza que reverte nela mesma; educa a profesionais que logo poderán desenvolver toda a súa potencialidade sen teren que emigrar, creando unha base de coñecementos e prestixio que beneficia á sociedade como conxunto; e en xeral pode desenvolve-las soluzóns mais axeitadas para os problemas que ela ten, sen ter que pasar polo corsé homoxeneizador de modelos impostos por entes alleos.

( categorías: )