As eleccións de Reitor na USC e o Software Libre

Imaxe de Denís
Enviado por Denís en 2 Maio, 2010 - 22:12.

Van ser o vindeiro 5 de Maio as eleizóns a Reitor na USC e a comunidade universitaria está chamada a facer algún tipo de escolla entre os sete candidatos que se presentan. Sen nos meter nos outros moitos factores que é preciso ter en conta para facer unha escolla deste tipo, quixera debullar neste lugar o que sei, ate o momento, do que consideran os respeitivos candidatos sobre o Software Libre -- ou alomenos, o que nos seus programas e páxinas web atopei, e facer algunhas consideracións tanto para os propios candidatos coma para os que estexades chamados a votar.

Permitídeme primeiro facer un breve repaso do estado do Software Libre na USC. No ano e medio que pasei traballando na Oficina de Software Libre da USC descubrín cos meus compañeiros, e cun grao considerable de sorpresa, que hai bastantes departamentos em bastantes faculdades empregando, dun ou doutro xeito, aplicativos libres para o seu traballo. En Filoloxía desenvolven unha distribuzón baseada en Debian propria para facer análise lingüístico. En Física, Matemáticas e Informática o emprego de GNU/Linux é cotián e un requerimento da carreira, ademais de moitas liñas de investigación. O OpenOffice.org, o Firefox, o GIMP, o VLC e moitos outros aplicativos libres están moi difundidos na comunidade, e a xente sabe de qué lles falas cando les preguntas sobre GNU/Linux e Software Libre.
 
Pero todo este coñecemento e iniciativas que xa hai en marcha teñen un problema: están desvertebrados. Fáltalles algún tipo de coordinación, de posta en común, de estratexia colectiva. Poderíanse aforrar moitas horas de traballo sinxelamente poñendo problemas en común e escollendo plataformas comúns para traballar. Neste senso, o traballo da OSL ao crear a personalización Ubuntu-USC é unha enorme mellora: varios dos proxectos e centros que xa citei están a experimentar coa mesma, e ven reducida boa carga do seu traballo. Hai tamém varios planos pilotos de introducción deste sistema operante en centros para a docencia, e de todos os aplicativos que con él empaqueta, de xeito especializado para cada titulación, a OSL.
 
Expoño isto (e necesariamente teño que facelo con dous riscos, pero remítovos á web da OSL para buscardes mais informazón) porque preciso evidenciar algo: que o software libre na USC é unha realidade. Aínda que nacente dun xeito case espontáneo, xa está aí. Non é unha posibilidade, unha alternativa, unha entelequia ou un desexo. Non consiste en boas intencións ou en futuros hipotéticos. Hai proxectos de software libre en marcha que están a responder a necesidades da comunidade universitaria. O que precisa o Software Libre non son xa desexos e boas palabras, senón accións concretas para axudar a asentalo.
 
Fronte a isto, nos programas de todos --- todos, e é lamentábel --- os candidatos a reitor fan mencións vagas e difusas, e iso no mellor dos casos: moitos nen sequera contemplan o tema. Os que o fan, propoñen nen sequera liñas de acción, senón mais ben actitudes favoráveis (ou alomenos non obstruccionistas) que están xa obsoletas ao respeito do que está a suceder na Universidade. Que non coñezan un aspecto tan específico (pero tan importante tamén) da comunidade que pretenden gobernar non é un crime, porque non se pode saber todo, pero si é para lles dar unha chamada de atención: señores protoreitores, documéntense, infórmense e actúen segundo os tempos.
 
Está ben que algúns candidatos falen de estándares abertos, pero deben de lembrar que este compromiso xa está adquirido dende o 2006 a traveso da vinculación coa CRUE-TIC e a resolución da mesma segundo a cal todas as universidades do estado deberán empregar ODF e PDF nos seus documentos de ofimática. Tamén está ben que fagan delcaracións sobre o "fomento de solucións libres" na Universidade, pero precisamos un compromiso concreto. Falta en todas as propostas esta concrección sobre o que van facer, e cómo. Señores (e señoras, algunha hai), dennos números. Dígannos datas. Digan, alomenos, qué van facer en concreto ao respecto do Software Libre. Non ten por qué ir nos programas -- pero ao mellor pódennolo dicir antes do mércores. Consulten coa OSL. Consulten cos Grupos de Usuários de Software Libre (e algún teñen na sua própia universidade, aparte dos que dende fora tamén estamos dispostos a axudar).
 
Fai falla, tamén, que ese sexa un compromiso a longo prazo: o Software Libre non pode ser unha moda, e implantalo vai requerir modificar dende infraestrutura de software a hábitos de traballo. Vai ser preciso formar a moita xente, tanto técnicos coma usuarios finais, e é preciso conseguir que os profesores o introduzan nas aulas. Isto significa pensar en quinquenios ou decenios, e significa apostar en firme por calesquera accións que se fagan para que poidan ser sostidas no tempo. Doutro xeito, estaremos condenados unha e outra vez a comezar dende case cero.
 
Para non caer no mesmo erro que os nosos candidatos, debo pechar esta anotación cunha comparativa dos seus programas e cunha serie de preguntas (concretas) que os axuden a completar os mesmos. De xeito que, sen mais voltas, vexamos os candidatos:

Lourenzo Fernández Prieto semella ser o mais completo e favorábel ao Software Libre, indicando na páxina 17 do seu programa:

«5. Promover con moita máis intensidade o emprego do software libre, a publicación de software, a colaboración na localización e, en xeral, todo aquilo que nos permita colaborar entre as universidades e comunidades de software aberto, así como prestar mellor servizo á comunidade universitaria e aforrar custos a medio prazo.»

Este candidato menciona tamén, na páxina 32, que o CeTA debería de pasar a unha plataforma baseada en Software Libre. (Habemus Moodle? Librarémonos do WebCT dunha vez?) Tamén é de salientar o uso da licenza CreativeCommons Atribución (unha das dúas, xunto coa CC-By-SA, licenzas CC realmente libres) para os contidos da sua web eleitoral. Semella que pouco a pouco a xente lle vai perdendo o medo a permitir uso comercial dos contidos.

É menos incluínte e toca menos aspectos o programa de Pilar Bermejo Barrera , que dí na páxina 22:

«Obxectivo: Sofware e formatos libres - Implantación de sofware e formatos libres. Accións:

    1. Uso de formatos libres nos documentos dixitais, sempre que sexa posible.
    2. Utilización de software libre, non só co obxecto de aforrar custos, senón tamén co de adaptalo ás necesidades da institución.»
 

Outros dous candidatos son parcos ao respecto: Juan Varela Durán (p.88: «A USC debe facilitar o acceso a software libre e de código aberto a toda a comunidade universitaria e promover a súa utilización») e Laura Sánchez Piñón (p.49: "Apostaremos polos estándares abertos e a interoperabilidade dos sistemas").

 
Jaime Gómez MarquezMercedes Brea LópezJuan Casares Long non lles atopei ningunha referencia no seu programa sobre o Software Libre. Direi, como nota persoal, que me doe particularmente un chisco o caso do último, xa que fun alumno del e fixen un traballo (para a asignatura de Criptografía, e non mo puntuou nada mal) que consistía precisamente en alternativas libres ás solucións privativas empregadas na clase. Agardaríase que algo de todo o que escribín naquel texto quedase, pero vese que os alumnos temos pouco éxito en educar aos profesores.
 
Merece mención o tema da licenza Creative Commons-By no web de Lourenzo Fernández Prieto. Non polo web de seu --- que tamén --- senón porque nos da pe a falarmos das licenzas de publicación dos artigos de investigación, publicacións da Universidade, bases de datos resultado de investigación e experimentos, etc. En xeral, a idea de que o material creado pola Universidade, en tanto que está a ser producido por unha institución pública e con fondos públicos e cunha vontade de creación universal de cultura, debería de ser tamén posto a disposición do público. O material producido pola Universidade debería de empregar licenzas libres, e este é un tema delicado que aínda non se atreveu a abordar ninguén (aínda que a OSL ven facendo xa unha campaña de concienciación sobre licenzas e estes temas).
 
Tamén é preciso correxir, unha vez mais, o erro parcial no que incurren os dous primeiros programas ao asociar o software libre ao aforro de custos. É preciso facer entender dunha vez que o software libre non ten por qué ser mais barato, unha vez se suman os custos de formación, adaptación, mantemento e demais, que o software privativo. É de feito moi probável que se a USC migrase a algunha variante de GNU/Linux e empregase maiormente Software Libre, o custo inicial fose bastante maior ao investimento anual que actualmente se fai en licenzas (tamén é moi provável que, no longo prazo, se aforrasen cartos).
 
A importancia do Software Libre está en parte, como sí di o programa, na sua capacidade de ser adaptado e modificado --- como xa está a facer a OSL, por exemplo, proporcionando un sistema operativo case ao 100% en galego por primeira vez na historia da USC, e adaptando e correxindo problemas en varias das ferramentas que se están a empregar na Universidade.
 
Pero, por riba diso, a importancia do Software Libre está en que é o modelo de coñecemento científico aplicado á informática. Coma ben dí Ricardo Galli, na Universidade estamos a defender un xeito de nos educar, de averiguar a verdade sobre o mundo, que se basea en asentármonos no que outros fixeron antes. O coñecemento científico é colaborativo, agregativo, revisado por pares e cedido á humanidade porque é un fin en sí mesmo. Non pode suceder que estemos a tentar inculcar este xeito de pensar nos estudantes empregando software que é xustamente todo o contrario: oscurantistas caixas negras que son creadas para beneficio particular e que se basean en esconder todo o que poden do seu funcionamento aos demais, impedindo ás persoas que arranxen os seus problemas e que aprendan delas.

Quixera pechar este texto, que xa é longo de mais, cunha serie de concreccións sobre o que penso que se debería de facer (ou mais ben, sobre cousas nas que penso que os candidatos deberían de se pronunciar) ao respeito do Software Libre na USC. Señor futuro reitor, con cifras e datas:

  • Cómo pensa apoiar á Oficina de Software Libre da USC, que actualmente está a traballar moi por debaixo dos fondos e do persoal que precisaría sequera o mantemento dos proxectos que xa ten en marcha?
  • Para cándo a implementación real do ODF como familia de formatos por defecto na USC? Cando reibiremos todo o que non sexan PDFs en algo que estea estandarizado e poidamos ler todos?
  • Concrete de qué xeito pensa favorecer a implantación de Software Libre na USC. Por exemplo:
    • Contempla algunha extensión do plano piloto que a OSL está a levar a cabo no campus sur, consolidándoo en mais centros? 
    • Ten previsto tentar algún tipo de migración progresiva, parcial e gradual, mais en firme e con tempo, dos computadores de todas as áreas de xestión (PAS, burocracia) a GNU/Linux?
    • Ocorreuselle que a Universidade pode optar por non renovar as licenzas daqueles aplicativos que teñan un equivalente libre, conseguindo así que se algún departamento ten o capricho de empregar solucións privativas sexan eles quenes teñan que correr co gasto, e non o conxunto da comunidade?
    • No tocante aos dous puntos anteriores, é consciente de que o primeiro paso para poder facelos vai ser a formación? Ten pensado artellar algún tipo de programas formativos en solucións libres (introducción ao sistema operante, á suite de ofimática, a aplicativos especializados) que sexan sostidos no tempo e coordinados co resto dos esforzos?
    • E ligando co anterior: xa que semella que todos están dispostos a tentar implementar os formatos libres e abertos na USC, ten previsto formar ao respeito? É consciente de que hai que comezar por explicar o que é un formato de arquivo, e por qué é fundamental empregar ODF?

E, evidentemente, poderiamos continuar, pero supoño que se capta a idea: hai moito que debullar e moita concrección que facer, e agardamos -- e, aínda que escribín todo este artigo en singularporque é a miña opinión persoal, acho que non me trabuco se asumo que esta é a opinión da maioría dos Grupos de Usuarios de Software Libre --- que se nos consulte. Agardamos que se continúen as cousas que se fixeron ben ate o de agora (teño que volver mentar á Oficina de Software Libre?) e que se afonde nesa aposta comprometida e a longo prazo, para que o Software Libre na USC deixe de ser algo mais que boas intencións e se concrete en feitos.

Para os compañeiros que o mércores estexades chamados ao voto, somente teño que vos dicir que teñades en conta os programas dos candidatos. Todos sabemos que non van ser mais que promesas ate que se realicen, pero pensade que, para ben e para mal, os homes son en certa medida escravos das suas palabras. Se alguén mínimamente implicado co Software Libre resulta ser reitor da USC ímos poder, canda menos, lembrarlle o compromiso que lle corresponde cumplir. E iso é un comezo.

 


( categorías: )
Imaxe de Paco

Chapó!

Simplemente sen comentarios,
Incríbel estudo Denís, grazas por compartilo.

Imaxe de Miguel

Moi bo artigo

Fai uns días pensei en escribir eu mesmo un resomo co contido de software libre que atopase no programa de cada un d@s candidat@s. Pero vista a extensión e calidade do que redactaches, alédome de non telo feito.

Imaxe de Miguel

Semella que pasan a segunda volta Casares e Prieto

Curiosamente pasan un dos que menos apoia o Software Libre na universidade co que teóricamente sería máis favorable a unha implantación de SL na USC.

No que se refire a tecnoloxías da información espero que gane Lourenzo, porque do contrario creo que nos quedan moitos anos de sufrir tecnoloxías privativas sen límite.

Imaxe de oscar

Exacto

Toda a razón do mundo Miguel, volta ó mundo das penumbras

Eu coñezo a varios membros

Eu coñezo a varios membros do equipo de Juan Casares que usan e promoven o uso de software libre dende fai varios anos, polo que non vexo a necesidade de demostrar o seu compromiso co mesmo nun programa electoral. Que software usan Lourenzo e os membros do seu equipo?

Imaxe de Miguel

Boa pregunta

Estaría ben saber que software usan, e se promoveron algunha vez outras opcións a parte das privativas xa coñecidas cada un dos equipos que se manteñen como candidatos á reitoría. Pero non dispoñendo desta información, que sería de agradecer o único que temos para decidir é o "compromiso" que supón o programa electoral.

Eu, por agora, a falta doutra información penso recomendar o voto por Lourenzo en canto a tecnoloxía se refire.

É moi pouco obxectivo

É moi pouco obxectivo esixirlle ao futuro reitor o que non se lle esixe aos da Xunta ademais que teñen pouca credibilidade en xeral as opinións cando veñen de asociacións condicionadas a recibir as subvencións dos políticos porque son sempre serán opinións sesgadas. De todas maneiras esto é unha copia bastante descarada desto:

http://www.anosaterra.org/nova/23760/vota-software-libre-.html

Non creo que as asociacións deberan meterse en política e todo esto é política pura e dura.

Imaxe de Miguel

Creo que estás trabucado

Olá Xavier. Creo que lamentablemente estás mal informado sobre a nosa asociación. Para empezar esiximoslle o mesmo en canto a Software Libre o próximo reitor da USC que ó presidente da Xunta, que nos permita usalo, que nos facilite o seu uso, e que ademais o promova como unha ventaxe competitiva en moitos aspectos para todos. Con cabeciña, claro está, tampouco pedimos unha revolución a espada nin nada semellante.

E no resto do comentario tampouco semellas estar demasiado informado. O Glug como asociación sí que debe facer política, dende o meu punto de vista, o que non debe facer nunca é "partidismo" apoiando a un en concreto porque coníncide cas ideas políticas que teña alguén na directiva. Pero ten que quedar claro que como asociación temos uns fins claros e públicos, e debemos facer todo o posible para legal e éticamente conseguilos da forma maís eficiente posible. E se chegas a lelo veras que facer política, no sentido máis amplo da palabra, podese dicir que é un dos nosos fíns.

E por último o de que as subencións compra vontades poida que sexa certo en moitos casos, non cho podo negar, pero no caso do Glug e de moitas outras non se cumple en absoluto. A nada que coñezas a xente que colabora activamente na asociación daríaste de conta que está moi lonxe de ser a verdade o que afirmas. Polo que supoño que non coñeces a ninguén que esté participando na mesma, e polo tanto entendo a túa sospeita, pero aclaroche que estás totalmente errado, e convitoche a próxima reunión por se queres comprobalo ti mesmo.

Incapacidade de autocrítica

Pois a verdade é que sí conozco algunha xente do GLUG e podo decirche que todo eso que puxeches Miguel é políticamente moi correcto pero lamentablemente a realidade é moi distinta por que de feito hai xente do GLUG queimada pola actitude absolutamente acrítica da asociación como necesariamente deberías saber por cousas como as adxudicacións do PP a Microsoft ou os despidos de Mancomún onde actuastes de forma totalmente acrítica.

Lamentablemente non estou equivocado xa me gustaría que fora así pero está moi claro que o diñeiro compra vontades e o caso do GLUG tristemente non é ningunha execpción. Sinceramente creo que deberíades facer autocrítica e dubido que teña ningún sentido promover o software libre a base de subvencións pois eso nada mais que lle sirve aos políticos para fecharvos a boca e facerse a foto co pingüino pois quedan moi ben. Sexamos realistas por que a día de hoxe eso é o que hai.

Reconozamos errores, pidamos disculpas e seamos prácticos...

A ver, intentando ser positivos e obxetivos, de todo esto estou dacordo con algunhas cousas e outras non.

Coas críticas á nula reacción polos despidos estou dacordo, e tamén que dentro da asociación hai críticas, obvio, pois debemos reconocer que non publicamos nin unha sola liña de protesta por exemplo cando despediron descaradamente a suso e os demais, co cal lóxicamente é normal que haxa malestar e eso sí que foi un fallo bastante grave pois si atacan a un atacan a todos e lóxicamente si hay unha inxustiza contra o software libre claramente non é ético quedar calados, o ético é denunciala sin medo de veña de donde veña.

Pero non estou dacordo co das subvencións pois non vexo que problema podemos ter en aproveitar as axudas da Xunta si xa se fixo antes de feito esto xa o temos falado co cal creo que eso está fora de lugar.

Pero o caso é... que agora xa temos novo rector!!! Asique agora aver que se note un pouco de movemento e polo demais, pois sexamos prácticos:

1- reconocemos internamente que se cometeu un error por calar co tema dos despidos (xa está feito)

2- externamente denís que exerza de presidente e que dean as oportunas explicacións e disculpas ás personas implicadas pois non é lóxico o que pasou,

e así cun pouco de sorte arreglamos este malestar entre amigos co cal así facemos autocrítica somos prácticos e vaiamos pasando a outra cousa que realmente hay moito que facer todavía.

Imaxe de Miguel

Todo está nos detalles

Realmente polo teu comentario vexo que coñeces parte da situación, pero descoñeces totalmente a xente e as razóns polas que se tomaron certas decisións. O primeiro dicir que certamente sempre houbo xente queimada, haina e sempre a haberá, sempre que se toma unha decisión, ou deixa de tomarse inevitablemente creanse defensores e detractores, é algo que que hai que vivir sen máis. Polo que comentas realmente o que estamos tendo é un problema de comunicación, porque poida que a xente que supostamente está queimada poida que teña as súas razóns, pero creo que na maioría dos casos se conseguiramos explicar os porqués cambiarían de opinión.

O primeiro que teño que dicir é que che agradezo as críticas, porque realmente antes non pensaba que alguén poidese ver a situación como ti a expós, pero tal como contas semella totalmente evidente. O único que fallan son os detalles. Explícome. Aseguroche ó 100% que a xente activa do Glug non está como dis vendida a administración a base de subencións. E desto estou total, totalmente seguro. A causa desas decisións/omisión de crítica sonche ben distintas. Para empezar a xente que está colaborando no Glug non pode estar a todo e cada día que pasa costanos máis manter todas as nosas obrigas ó día, polo que a falta dun relevo xeracional sobrevivímos como podemos. Por outra parte tanto os contratos da Xunta con Microsoft ou o caso de Mancomún non actuamos en contra por outras razóns.

No caso dos contratos da Xunta a información que recibimos foi que se trataba sobre todo de renovacións de contratos anteriores, que xa estaban co goberno anterior, e que non resultaba moi viable cancelalos así por así. Por outra parte a maior parte da asociación non son "fanboys" radicais, nin nada semellante. Polo que podemos entender, e ata cremos que é positivo, que as transicións a sistemas máis libres se fagan de forma ben planificada e cada unha o seu debido tempo. Polo que non se nos ocorre pedirlle a Xunta que deixe xa de usar todo o software privativo que ten e use software libre en exclusiva dun día para outro. O que buscamos realmente é que teña unha intención clara e que o vaia facendo o proceso de migración de forma seguro para evitar voltas para atrás. Polo que eu polo menos non lle pido que deixe de mercar tal o cual, senón que a tendencia de uso sexa clara cara outro software que a larga nos sae máis rentable a todos como é o software libre.

E na cuestión de mancomún non fomos críticos por outra razón ben distinta a que comentas. Neste caso o que se nos dou a entender é que a Xunta decidira cambiar o organigrama mantendo as funcións de mancomún, pero encaixando todo na estructura da nova administración. Polo que nós non podemos, ou a min parecemo, discutirlle a Xunta como se teñen que organizar, ou a quén teñen que contratar ou despedir. Eso sería amiguismo, enchufismo, ou como queiras chamarlle, e non me parecería moi xusto.

Espero que co que che comento entendas porque se tomaron as decisións que se tomaron, e que nada ten que ver ca venta de vontades. En caso de que aínda teñas calqueira dúbida estou disposto a quedar contigo para un café e explicarche o que faga falla co detalle que consideres e teña eu coñecemento claro. Deixoche o  meu enderezo de correo; miguelfm en gmail.

Imaxe de Denís

Algunhas aclaracións sobre o traballo do GLUG

Normalmente non respondo aos comenarios porque non adoita ser produtivo, pero neste caso acho que preciso facelo (como persoa, como Denís, e non coma presidente) porque Xabier está a verquer críticas (e non é a primeira vez que o fai) nunha asociación que fai o traballo que ten que facer o mellor que pode e da que él, en particular, non ten coñecemento de cómo funciona (aínda que debería). Polo que aclaro:

  1. O GLUG sí que ten feito comunicados públicos sobre a mala política da Xunta no SWL -- mais, de feito, dos que fixo cando gobernaba o BNG (o teu partido, pero claro, naquela entón non chiabas). Algún publicado nesta web, e outros en xornais de mais difusión que, por exemplo, o de Suso Baleato que apuntas tí.
  2. O GLUG pode ser neutral políticamente porque non lle debe nada a ninguén. As subvencións que recibimos da Xunta sonnos tan accesorias que, de feito, está a se barallar --- e tí sábelo porque estás subscrito à rolda de correo --- non aceitalas polos mareos burocráticos que nos causan. Doutra banda, cando aceitabamos esas subvencións do bipartito non protestaches nada, e poderíase facer a mesma (falsa) leitura de clientelismo.
  3. Ainda que pode selo, o GLUG non é, sen embargo, políticamente neutro. Non porque nos "compren as vontades con cartos" (qué bonito queda empregar palabras baldeiras) senón porque varios dos socios consideramos que a política está en todas as facetas da vida. Sabes perfectamente que temos apoiado ao BNG en calidade do partido no parlamento que mellor defende o Software Libre (o que non quere dicir que o fagan sequera medio ben, pero os outros sonche peores).
  4. O GLUG -- pola miña boca, de feito, e está nas hemerotecas (paso de cho buscar, pero suxíroche que mires en Xornal.com e penso que tamén en A Nosa Terra) sí ten criticado o desmantelamento de Mancomún. O que non criticamos (critiquei) foi o despedimento de Suso Baleato porque: (a) gañouno a pulso él soíño, misturando o seu papel como político co seu papel como traballador dependente da Xunta (lembremos aquela infame primeira versión do artigo "Excel-entisimo presidente", que rematou por correxir nunha rara mostra de humildade) e (b) Suso era un cargo político, non técnico, e é lóxico que o cambiasen. En todo caso, era necesario que o fixesen, mesmo se o goberno seguise a ser o anterior.

    Por certo, Xabier: confundes "obxectivo" con "coherente". O artigo anterior é obxectivo, alomenos en toda a medida que eu fun capaz. O que queres dicir é que non é coherente porque antes a asociación non criticou à Xunta, pero iso, como dixen xa, tampouco non é certo.

  5. Como nota marxinal, este artigo, se vos fixades, está publicado no meu blogue persoal no GLUG. Este é o xeito que ten a asociación de publicar as opinións dos socios, separando así a palabra oficial da dos indivíduos que a conforman.

Esa é a miña visión de todo o anterior. Dito iso, recoñezo que podo estar trabucado, e se é así agradecería que mo fixesedes ver. Esta é unha porta aberta á autocrítica, pero autocrítica non é o mesmo que renúncia das ideas próprias. Para poder facela, tedes que me convencer de que actuamos mal, e non penso que o fixesemos.

Pode ser, iso sí, que actuasemos pouco. Ou non dabondo, alomenos. Iso aceitoo, pero é un problema da asociación: temos os recursos humanos que temos, e se non se traballa en certas frontes non é por non consideralas importantes senón porque non temos tempo. Irónicamente, a solución para isto está en que xente coma Xabier, que son socios desta asociación (ou alomenos non comunicaron a baixa) colaboren en algo -- por exemplo, publicando novas nesta páxina (como puido ter feito no seu día se consideraba que non estabamos a cubrir dabondo os despedimentos de Mancomún).

 

E pra pechar, as suxerencias que nos fai sinmalosrollos (perdoa, pero non sei quen és), concordo coa primeira con matices: non se cometeu erro outro que a falta de tempo e de forza de traballo; non podemos estar a todo, e hai que lembrar que isto é unha asociación voluntaria onde a xente aporta o que quere e onde quere.

No tocante á segunda... non sei ben qué explicacións e desculpas queres que pida nen a quen, pero dende logo para pedir desculpas como asociación hai que falar isto nunha asemblea, porque significa que algo fixemos mal (reitero que non sei o qué) e hai que facer autocrítica (agora sí). Comunicádemo, e convoco unha asemblea o antes posível para arranxar este tema (ademais, xa vai tocando).

Finalmente, vou facer algo de abuso de poder e pechar este fío, agora xa coma presidente, porque as eleizóns da USC xa pasaron e ademais a conversa esta non ten nada que ver co tema. Se alguén (Xabier?) ten algo que dicir sobre o mal que está a traballar o GLUG, pode facer unha de tres cousas (ou as tres!):

  1. Convocar ou achegarse a unha asemblea e comentalo cara a cara.
  2. Escribirnos un correo razoado e mesurado explicando qué estamos a facer mal e por qué. Comprométome a publicalo na web do GLUG, a respondelo públicamente e a metelo para debate na orde do día da próxima asemblea.
  3. Colaborar coa asociación para correxir o que sexa que se faga mal.

É dificil escribir estas palabras sen acritude, pero de verdade que a asociación está aberta a todas as achegas que queirades e poidades facer. Pero facedeas ben.