Mancomun

Distribuir contido Mancomún: Últimas novas
Últimas novas de Mancomún
Actualizado: fai 1 hora 41 min

O CNTG reforza a presencia do FLOSS dentro da súa oferta formativa 2010-2011

25 Agosto, 2010 - 09:15

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) acaba de publicar a súa oferta formativa para o período comprendido entre outubro de 2010 e xuño de 2011. Conscientes da importancia do FLOSS dentro da capacitación TIC dos profesionais galegos, o CNTG reforza a presencia do mesmo dentro do seu plan formativo.

...

Convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para a realización do Máster universitario en consultoría de software libre

27 Xullo, 2010 - 12:07

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica achega 30.000 euros á Universidade de Vigo para o desenvolvemento do Máster en Consultoría de Software Libre, organizado pola Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo e correspondente ao curso 2010-2011.

Así se recolle no convenio de colaboración recentemente asinado pola Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

...

CENATIC está trasladando as experiencias e apostas do ecosistema do Software Libre en España na OSCON 2010

21 Xullo, 2010 - 13:14

O CENATIC está desenvolvendo en Estados Unidos na O'Reilly Open Source Convention (OSCON), un espacio único a nivel internacional onde conflúen empresas, administracións e comunidades de desenvolvemento, unha serie de actividades dirixidas a compartir visións estratéxicas, técnicas e de negocio arredor do FLOSS.

Neste evento, que se celebra entre o 19 e mailo 23 de Xullo na cidade de Portland (Oregón), o CENATIC está trasladando as experiencias e apostas de todo o ecosistema do Software Libre en España, e creando lazos de relación que permitan posteriormente a realización de proxectos conxuntos con institucións e empresas estadounidenses.

...

Debian crea Front Desk para facilitar a comunicación coas comunidades das distribucións derivadas

2 Xullo, 2010 - 13:46

Na actualidade Debian é un dos sistemas operativos do que existen máis sistemas derivados. En concreto, segundo datos de Distrowatch, existen máis de 120 sistemas baseados en Debian, entre os que se atopa Ubuntu.

Mais aínda que isto supón un recoñecemento á calidade e robustez do sistema Debian, dende o proxecto teñen detectado un grave problema de retroalimentación, xa que non é frecuente que os proxectos derivados contribúan a Debian con modificacións nin melloras. O motivo é pola dificultade de facelo ou mesmo de saber como facelo. Conscientes disto, en Debian crearon un novo equipo de traballo que se adicará a facilitar a comunicación entre Debian e os “seus descendentes".

...

A VII Guadec Hispana presenta o seu programa e abre o prazo de inscrición

2 Xullo, 2010 - 11:52

Como xa anunciamos no seu día, a VII Guadec Hispana terá lugar na Coruña os vindeiros días 22 e 23 de xullo, cita obrigada para todos aqueles interesados en coñecer as últimas novidades sobre o proxecto GNOME.

Para asistir a este congreso é imprescindible inscribirse previamente a través do formulario de rexistro habilitado ao efecto na web da VII Guadec. A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o vindeiro día 18 de xullo, e dado que as prazas son limitadas dende a organización aconsellan darse presa en enviar a solicitude para non quedar sen praza.

Unha vez rematado o prazo de remisión de propostas e valoradas as mesmas, dende a organización publican o programa completo de relatorios, obradoiros e actividades para os dous días do congreso, pendente de pechar tan só o horario e distribución das mesmas. Este ano inclúe moitos temas de interese para coñecer como comezar a colaborar cunha comunidade de software libre como GNOME e moitas das últimas novidades do proxecto como a súa aplicación a tecnoloxías móbiles, estudos sobre a comunidade, melloras en accesibilidade, implicacións dos novos navegadores, soporte dos sistemas multitouch, etc

 

A continuación incluímos unha breve descrición do contido de cada un dos relatorios aceptados e incluídos no programa:

...

A OSL da USC sitúa a tradución ao galego do Netbeans no 50%

1 Xullo, 2010 - 13:19

A OSL da USC informa que o pasado 15 de xuño publicouse a versión 6.9 de NetBeans, e que pese a non dispoñer de todo o tempo que desexarían, acadaron que o nivel de tradución ao galego deste IDE (contorno gráfico de desenvolvemento) acadase o 50%. A tradución deste coñecido IDE, usado para desenvolver software en diversas linguaxes de programación, comezouse co gallo da I Edición do ETSE Open de SL do pasado ano, e en pouco máis dun ano pasou do 0% ao 50%.

...

IBM libera OpenTM2, unha ferramenta para a xestión de proxectos de tradución baseada en estándares abertos

29 Xuño, 2010 - 13:54

IBM en asociación con LISA (Localization Industry Standards Association), Welocalize, Cisco e Linux Solución Grupo eV (LiSoG) crearon un proxecto de código aberto que proporciona unha contorna de tradución empresarial moi completa dirixida aos tradutores profesionais.

Segundo un estudo de 2009 da Unión Europea, a taxa anual de crecemento da industria da lingua estimouse nun 10% como mínimo durante os próximos anos, resultando nun valor aproximado de 16,5 a 20 billóns de € en 2015. A misión de LISA é desenvolver estándares técnicos abertos para o proceso de globalización e facilitar os negocios internacionais. Conxuntamente cos líderes da industria, LISA está a anunciar o proxecto OpenTM2, que non só é unha implementación pública e aberta dun contorno de traballo para a tradución profesional que serve de referente no uso das actuais normas da industria da localización, tales como o TMX, senón que tamén ten como obxectivo proporcionar un acceso estandarizado a software de xestión do proceso de globalización. Esta iniciativa ofrécelle pois a LISA a oportunidade de revitalizar as normas da industria da localización cunha implementación aberta de referencia.

...

A Conferencia anual internacional de OpenStretMap será en Girona os días 9 e 11 de xullo

25 Xuño, 2010 - 10:51

O proxecto OpenStreetMap (OSM) anunciou que a conferencia anual do “Estado do Mapa” terá lugar do 9 ao 11 de xullo en Girona, España.

OpenStreetMap é un proxecto de fonte aberta que constrúe mapas en liña libres, que non se basean nos datos de mapas con dereitos de autor. Fundado por Steve Coast en agosto de 2004 e xestionada pola Fundación OpenStreetMap, ata a data, o proxecto ten case 270.000 usuarios mundiais que fan máis de 7 000 edicións á hora.

O Estado do Mapa é o maior evento mundial da comunidade de OpenStreetMap. Os asistentes a esta conferencia terán a oportunidade de coñecer o movemento cartográfico global que está a cambiar o xeito de facer e empregar mapas, poderán participar en obradoiros, asistir a ponencias, ou relaxarse mentres coñece a OpenStreetMaperos de todo o mundo. É a ocasión perfecta para reunirse e coñecer ás persoas que manteñen os servidores, desenvolven os editores, deseñan a cartografía e algúns dos mapeadores máis adicados á causa.

...

As VII Xornadas de Software Libre de Mugardos retransmitiranse en directo na web

24 Xuño, 2010 - 12:20

Dende a Asociación Comunidade O Zulo avísannos de que as VII Xornadas de Software Libre, que como vos anunciamos no seu día terán lugar este sábado 26 de xuño, emitiranse en directo vía streaming a través do servizo Ustream.tv.

Segundo indican no seu anuncio, trátase dunha experiencia piloto, da que agardan ter "feedback", animándovos a que lles acheguedes os vosos comentarios, incidencias, suxestións ... a través de Twitter (hashtag #7XSL) ou Facebook.

As ligazóns para poder seguir as xornadas en directo publicaranas na súa web o sábado ás 11 da mañá.

Ustream.tv é a plataforma líder na emisión en directo interactivo de contidos a través da rede Internet. A diferencia de outras tecnoloxías anteriores, utiliza unha difusión "un a moitos", o que significa que o usuario pode transmitir ó público sen límite de tamaño.

...

Os alumnos do Máster en Consultoría de Software Libre presentarán os seus proxectos empresariais de fin de Máster a inversores

24 Xuño, 2010 - 12:07

O Máster en Consultoría de Software Libre da Escola Superior de Enxeñería Informática inclúe un novidoso formato para a presentación do traballo de final de Máster. Este traballo consiste no desenvolvemento dun proxecto de empresa tecnolóxica, e a novidade é que o alumnado deberá presentar e defender o seu proxecto diante de posibles inversores. O tribunal que avaliará estas iniciativas estará formado tanto por profesores como por inversores.

Durante dous días, o 16 e 17 de xullo, os alumnos reuniranse cos inversores para convivir e intercambiar puntos de vista. Deberán presentarlles as súas ideas ata convencelos de que invistan diñeiro nelas. Durante a defensa dos proxectos, será tan importante o acto da exposición como a cea posterior cos inversores, o que obrigará ao alumnado a saber expresar e comunicar axeitadamente a súa idea aínda que se trate dunha cea de dúas horas con inversores que son xente da que precisan pero que lles resulta allea. É imprescindible ter a idea ben desenvolvida e traballada así como saber comunicala da forma máis elocuente posible para evitar que os inversores perdan o interese e decaia a súa atención.

...

Aberto o prazo de remisión de propostas para a Conferencia Internacional de Software Libre

23 Xuño, 2010 - 12:06

A Conferencia Internacional de Software Libre, organizada pola Junta de Andalucía e a Junta de Extremadura en colaboración coas empresas máis importantes do sector, é un foro internacional para a presentación e difusión de aspectos técnicos, de aplicativos e de modelos de negocio en software libre. Logo xa de seis edicións, probablemente poida xa considerarse o evento europeo de maior relevancia relacionado coas tecnoloxías de fontes abertas. Este ano celebrarase en Málaga durante os días 27, 28 e 29 de Outubro.

Desta volta a conferencia presenta algunhas novidades con respecto á organización de anos anteriores, entre as que destacan:

  • Adicación do primeiro día da conferencia exclusivamente ao público profesional, é dicir, a persoas que desenvolven a súa actividade profesional en empresas privadas ou entidades públicas usuarias de tecnoloxía libre ou empresas do sector TIC. Os días 28 e 29 estarán, como sempre, abertos á participación do público en xeral.

  • Visión práctica da que se pretende dotar ao evento. É dicir este ano marcouse como un dos obxectivos ofrecer aos asistentes a oportunidade de visualizar as vantaxes derivadas da aplicación do software libre en ámbitos concretos,como as pequenas e grandes empresas, as administracións públicas ou as organizacións do sector social. Serán os propios actores clave nestes ámbitos quen expoñan as súas ideas, experiencias e os que axudarán a atopar as solucións máis adecuadas para cada tipo de actividade ou de negocio.

A Conferencia contará con sesións plenarias e con comunicacións doutro tipo que serán escollidas de entre todas as propostas recibidas. O prazo para o envío de propostas de comunicacións está aberto ata as 8:00 horas do vindeiro día 31 de Xullo.

...

Roberto Brenlla falará sobre a comunidade galega do SwL no FISL11 de Porto Alegre

21 Xuño, 2010 - 11:43

Roberto Brenlla informa que, desta volta, vai participar no Fórum Internacional Software Libre co relatorio "Sw Livre em Galicia: ejemplo de Comunidade, Políticas e Negócios".

Terá unha vez máis a oportunidade de representar a AGNIX, AGASOL, ASOLIF, e de promocionar Galicia nos eidos do SwL e a lusofonía.

Esta decimo primeira edición do FISL terá lugar entre os días 21 e 24 de xullo, no Centro de Eventos da Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul, en Porto Alegre, Brasil.

Ademais da representación galega de Roberto Brenlla, está confirmada tamén a participación doutros principais expoñentes do FLOSS mundial. Así, estarán Scott Chacon, evanxelista de Git que traballa no proxecto GitHub; Wietse Venema, creador do Postfix; John Maddog Hall, prtesidente e fundador de Linux Internacional; Michael Hanselmann, administrador de sistemas para Google en Suiza ... Pódese ver a lista dos primeiros confirmados na web do evento.

O Fórum Internacional Software Libre (fisl) é considerado o maior encontro de comunidades de software libre de América Latina e tamén un dos maiores do mundo. 

...

Presentada a versión RC de GALPon MiniNo

21 Xuño, 2010 - 09:11

Dende GALPon infórmannos que xa teñen dispoñible para descargar a versión candidata (RC) da distribución galega GALPon MiniNo Alguadaira (1.2).

Esta versión engade, a todas as novidades comentadas hai un par de meses coa publicación da versión beta, algunhas melloras e/ou funcionalidades:

Agora é posible facer un USB Vivo (live) directamente coa imaxe .iso como se fora unha imaxe .img, ao fornecer unha imaxe híbrida. Esta nova funcionalidade permite empregar un USB como vivo (live) ou como destino da instalación en máquinas con eventuais problemas:

  • Maquinas sen lectora de CD, pero con arranque por USB na BIOS.
  • En máquinas cunha lectora de CD defectuosa que non faga instalacións correctas e non dispoña de arranque por USB na BIOS.
  • Instalación nun USB en certos escenarios recomendables:
    • Máquina con disco ríxido pequeno no que xa temos outro S.O.
    • Maquina co disco ríxido defectuoso, ou sen disco ríxido.

Para facer uso destas funcionalidades poden consultarse as completas instrucións USB proporcionadas na propia web do proxecto.

Por outro lado destaca tamén a especial atención prestada ás instalacións en hardware de características problemáticas.

...

Presentado Carvalho, o tradutor automático estatístico do inglés ao galego con licenza GPL

17 Xuño, 2010 - 12:56

Imaxin|Software presentou onte, no Centro ON de Santiago de Compostela, o proxecto Carvalho, un proxecto de tradución automática estatística, de código aberto e sustentábel, entre o inglés e o galego encadrado dentro da plataforma de servizos de tradución automática Opentrad e publicado baixo licenza GPL.

O proxecto está aberto á colaboración de toda a comunidade. O obxectivo é mellorar e enriquecer o corpus inglés-galego actual, que inclúe xa uns 71 millóns de palabras, contribuíndo ao tempo á plantación de especies autóctonas por toda a nosa xeografía, xa que Imaxin comprometeuse a facer repoboacións forestais de árbores autóctonas segundo vaia medrando o corpus coas achegas da comunidade.

Na web do proxecto teñen instrucións detalladas, mesmo con videotitorias, nas que se indica que unha das formas de colaborar é enviándolles ao proxecto corpora de inglés-galego ou de inglés-portugués. Este último se ademais se transforma ao galego sería de grande utilidade.

Este proxecto forma parte dunha nova liña de investigación aberta na empresa compostelá, consistente en por unha banda basear a tradución automática no uso de tecnoloxías de tradución estatística e por outro tomar como base para a mesma corpus aliñados entre o inglés e o portugués de Portugal, ante a inexistencia de corpus paralelos inglés – galego grandes dabondo. O punto de partida desta nova vía radica en que a tradución baseada en regras, empregada ata o momento polo sistema de tradución Opentrad, funciona de maneira excelente entre linguas lingüisticamente próximas como é o caso do español e o galego por exemplo, mais non resulta efectiva para linguas tan distantes como o inglés e o galego.

...

Descontos adicionais no Máster en software libre para os participantes no Premio ao mellor PFC con SwL

16 Xuño, 2010 - 11:02

Dende a web do Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre, informan que este ano ofrecerán un desconto adicional do 10% nas taxas de inscrición do Máster en Software Libre a todos os participantes que cumpran os requisitos para ser avaliados para o Premio. Deste xeito pretenden apoiar á xente que comeza a ter a súas primeiras experiencias co movemento FLOSS e que queira seguir aumentando o seu coñecemento sobre as tecnoloxías abertas a través dos estudos do máster.

Segundo os organizadores trátase dun paso lóxico, xa que o espírito do Premio é fomentar o uso do software libre e a participación no mesmo amosa un forte compromiso cos fundamentos do movemento, baseados no libre intercambio de coñecemento e o traballo colaborativo. Por outra parte o Máster en Software Libre proporciona a formación completa para posicionarse no ámbito profesional.

...

Liberada ferramenta para a busca do posible significado dunha marca nas linguas oficias da UE

16 Xuño, 2010 - 08:42

A Oficina da Unión Europea de Harmonización do Mercado Interior (OHMI),a axencia responsable do rexistro de marcas e deseños en Europa, publicou baixo licenza EUPL o prototipo dunha ferramenta para comprobar se o nome dunha solicitude de marca ten significado nalgunha das 23 linguas oficiais da UE.

A ferramenta, nomeada Langcheck, compara o nome dunha marca presentada coas «Causas de denegación absoluta» do artigo 7 do Regulamento da UE sobre rexistro de marcas. Na actualidade, esta verificación realízase coa axuda dun equipo de lingüistas.

 

Un destes motivos de denegación é que unha marca non poderá rexistrarse na UE se describe exclusivamente características incluíndo o tipo, calidade ou cantidade de produtos ou servizos que intenta protexer. E ese principio debe ser respectado en calquera dos 23 idiomas oficiais da UE. "Isto significa que temos que saber o que unha palabra dada ou denominación podería significar nalgunha destas linguas", explica un dos desenvolvedores da OHMI, Francisco Alvarez, na súa introdución a Langcheck.

...

O OpenWorld Forum debaterá sobre o uso do FLOSS e os estándares abertos nas administracións públicas

15 Xuño, 2010 - 09:48

Dous dos temas que se tratarán no Foro Mundial Aberto – Open World Forum serán as administracións públicas que empregan aplicativos de fontes abertas e estándares abertos e as institucións gobernamentais que están a poñer a disposición do público os seus datos.

O Open World Forum é unha conferencia mundial sobre políticas e estratexias para o software libre e de fontes abertas e sobre os estándares abertos. Terá lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro en París, Francia.

O tema deste ano para a conferencia é “O futuro é aberto” que se explorará a través de sesións plenarias, sesións de traballo, eventos de relacións e debates que xirarán en torno a nove conceptos organizados en 3 eixos principais divididos en 3 temas cada un:

  • Innovación aberta: no que se tratarán aspectos como a construción do futuro dixital grazas ás plataformas abertas de innovación, ecosistemas tecnolóxicos, comunidades abertas e computación na nube.
  • Empresa aberta: trataranse temas como o desenvolvemento de modelos económicos a través de organizacións abertas en rede, a xeración de contidos abertos e o uso de sistemas de información abertos.
  • Sociedade aberta: falarase sobre a construción dun futuro sustentable grazas a un goberno inclusivo, a constitución do ben común e a inclusión dixital.

Está dirixido fundamentalmente a líderes políticos, xerentes e CIOs de empresas, líderes de comunidades, emprendedores, inversores, académicos e investigadores, aínda que por suposto, está aberto á participación de calquera persoa interesada.

 

...

Zaragoza continúa co seu plan de migración a un escritorio libre

14 Xuño, 2010 - 09:45

O plan de migración a unha solución completa de escritorio de fontes abertas no Concello de Zaragoza vai por moi bo camiño. Todos os funcionarios públicos da cidade utilizan xa ferramentas de código aberto, incluíndo Thunderbird, VLC, Firefox e OpenOffice. Para finais deste ano o 25% dos PC de escritorio da cidade mudarán de sistema operativo cara a unha solución GNU/Linux.

No pasado Gnome 3.0 Marketing Hackfest presentaron o proxecto de migración a software libre do Concello de Zaragoza do que se fan eco no OSOR.

Segundo as palabras de Eduardo Romeu, coordinador do equipo TIC encargado de levar a cabo este proxecto, son moitas as vantaxes dun proceso como o que están a desenvolver eles, por exemplo di "unha gran organización como a nosa aforrará significativamente nas licenzas, tanto no medio como no longo prazo". A cidade de Zaragoza, que decidiu migrar ao código aberto en 2006, até o momento utilizou os aforros que lle supón este proceso de migración para pagar o proceso en si, explica Romeu.

...

Festival de Curtametraxes Libres Cinestable

14 Xuño, 2010 - 08:48

A asociación Asociación de usuarios de GNU/Linux de Ordes, inestable.org organiza para o vindeiro mes de Agosto o I Festival de Curtamentraxes Libres Cinestable. O festival pretende render homenaxe á liberdade que brindan as licenzas libres Creative Commons convocando un concurso de curtas ao que están convidados a participar amateurs e profesionais de todo o país.

O obxectivo principal desta inciativa é o fomento do uso das licenzas culturais libres e a difusión das súas vantaxes como por exemplo que permiten aumentar a difusión das obras noveles.

Poden concorrer ao concurso todas as cintas de calquera temática e en calquera idioma, sempre que leven subtítulos os diálogos que non sexan en galego ou castelán, e deberán ser distribuídas baixo unha licenza Creative Commons ou licenza GPL.

...

Análise comparativo de aplicativos de fontes abertas para Business Intelligence

11 Xuño, 2010 - 10:05

Stratebi , empresa con sede en Madrid, creada por profesionais con ampla experiencia en sistemas de información, solucións tecnolóxicas e procesos relacionados coa Intelixencia de Negocio ou Business Intelligence, vén de facer público un informe comparativo dos distintos aplicativos de fontes abertas existentes no mercado respecto a solucións de Business Intelligence e as súas respectivas versións Enterprise.

O informe, dispoñible en inglés e en español, recolle, en algo máis de 50 páxinas, as principais vantaxes e analízanse comparando as características de cada un dos seguintes aplicativos: Pentaho, Jasper, Eclipse BIRT, Palo e SQL Power.
O obxectivo é ir ampliando o documento en sucesivas versións, incluíndo novas ferramentas, funcionalidades, exemplos, etc... Están abertos a calquera suxestión, proposta, ou mellora.

Os profesionais de Stratebi son os creadores e autores do primeiro weblog en español sobre o mundo do Business Intelligence, Data Warehouse, CRM, Dashboards, Scorecard e Open Source: Todo Bi, que xa se converteu nunha referencia para o coñecemento e a divulgación do Business Intelligence en español.

...